Unha suba salvaxe no recibo da auga en Poio: O Grupo Municipal Socialista de Poio denuncia que o goberno de Ángel Moldes agocha un incremento brutal no recibo da auga, que non se aplicará ata despois das eleccións municipais de 2028.

Unha trampa electoralista para agochar a suba da auga

Segundo denuncian os socialistas, o PP bloqueou durante dous anos a renovación do contrato da auga e agora aproba un novo contrato que inclúa unha forte suba das tarifas. “Non é casualidade que se aplique despois das eleccións, é unha manobra electoralista para que a veciñanza non vexa a incompetencia do goberno de Moldes ata que xa non poida votar en contra”, afirma Gregorio Agís, portavoz do Grupo Socialista.

Dous anos de parálise para acabar aprobando os mesmos proxectos

O Grupo Socialista critica que o PP xustifique esta nova licitación como un plan innovador, cando en realidade está a asumir os proxectos que xa estaban preparados polo goberno anterior. “Se non fose pola súa parálise, hoxe zonas como Vilariño, Fragamoreira ou A Caeira xa terían abastecemento e saneamento”, asegura Agís.

Unha suba oculta ata despois das eleccións

O máis grave, segundo denuncia o Grupo Socialista, é que o contrato aprobado polo PP contempla unha suba salvaxe das tarifas. O propio estudo económico aprobado polo goberno de Moldes confirma esta subida, que se fará efectiva en 2028. “Por que se maquillan perdas iniciais para despois meter unha coitelada ás familias? Porque queren agochalo ata que xa sexa tarde”, engade Agís.

Enganos e manipulación para disfrazar o tarifazo da auga

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o PP está a dar explicacións enganosas sobre as tarifas. “Din que a auga doméstica e industrial non poden custar o mesmo, coma se iso fose unha novidade. O que non contan é que os tramos que realmente van subir son os temporais. Durante dous anos manterán os prezos actuais, e logo chegará a coitelada ás economías familiares”, critica Agís.

Socialistas denuncian suba da auga

Poio merece un goberno serio

O Grupo Municipal Socialista de Poio rexeita esta manobra de manipulación e esixe que o goberno de Moldes dea explicacións. “É unha irresponsabilidade e unha cobardía agochar esta suba ata despois das eleccións. Se tan seguros están do que fan, que o expliquen xa ás veciñas e veciños”, conclúe Agís.

Os socialistas comprométense a seguir denunciando esta estratexia do PP, que consideran un intento de tapar a súa falta de xestión cunha trampa electoralista. “A veciñanza de Poio non é parva e non imos permitir que se lles engane desta maneira”, sentencia Agís.

Deja un comentario

Scroll al inicio