O grupo socialista de Poio alerta contra a suba do novo canon de SOGAMA, un atraco e un fracaso da Xunta e do concello na xestión de residuos.

  • O canon incrementarase ata os 88,05 euros máis IVE
  • Eliminarase a bonificación que permitiu durante dous anos reducir o recibo en Poio, grazas á implantación de medidas como a compostaxe que o actual goberno municipal ten abandonado e esquecido.
  • Retrocedemos a unha nefasta xestión dos residuos que non defende a reciclaxe senón a incineración.

“A Xunta quere obrigar aos concellos a pagar as consecuencias dunha administración que rexeita os sistemas sostibles, en contra da normativa europea e do medio ambiente”.

POIO, 21 de xullo de 2024.- O PsdeG Psoe de Poio presentou unha moción para debater no próximo pleno deste mes, instando á Xunta de Galicia a que non suban o canon da xestión dos residuos, e que non obriguen a pagar á veciñanza a deficiente xestión que fai de SOGAMA. Este aumento do canon é un roubo aos veciños e penaliza o tratamento sostible dos residuos.

Agora, despois das eleccións autonómicas, a Xunta de Galicia ten anunciado a subida do canon de SOGAMA que implica un importante incremento no que cobra a Xunta de Galicia pola xestión do residuos, que subirá de 66 euros a 78 euros. Tamén pretende compensar este pago a maiores que terán que asumir os veciños e veciñas substraendo esta cantidade do fondo de Cooperación que reciben os concellos e que leva conxelado dende 2011.

A eliminación do canon de SOGAMA repercutirá significativamente no recibo do lixo en Poio

A Xunta ademais elimina a bonificación do 15% que incentivaba a redución de residuos e que permitiu que durante dous anos consecutivos baixar o recibo municipal. Conseguiuse grazas a políticas impulsadas polo anterior goberno municipal como a compostaxe individual e os composteiros comunitarios. Estes programas foron abandonados e esquecidos polo goberno do Sr. Moldes, a pesar das críticas das persoas usuarias pola eliminación da mestra composteira e as reclamacións para que se recupere este servizo.

O gran problema é a falta de xestión de SOGAMA e a aposta do PP por un modelo de xestión obsoleto e penalizado por Europa. Deben implantarse sistemas sostibles que son máis eficientes e económicos e que non causen prexuízos ás economías municipais, nin supoñan un aumento de costes á veciñanza. “Os responsables da Xunta e de Sogama queren facer pagar aos veciños e veciñas o fracaso da súa mala xestión e do seu sistema de recollida de residuos, que sitúan a Galicia á cola de do estado, en contra das directrices europeas e cun custe irreversible para o medioambiente.”

Os socialistas demandamos ao concello a implantación do sistema de recollida dos bioresiduos mediante a implantación do colector marrón, tal e como obrigan as normativas legais. Propoñemos tamén ampliar as plantas de biorresiduos, como estaba previsto no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2016-2022, para favorecer a xestión de proximidade.

 Podes facernos chegar as túas suxestións e propostas ao correo:  info@socialistaspoio.com ou a través do formulario:  https://socialistaspoio.com/participa/

Deja un comentario

Scroll al inicio