
Moldes chega ao ecuador “dun mandato de falsidades, fotos e fume”
Valoración demoledora do ecuador do mandato do alcalde popular Ángel Moldes. Estes dous anos están marcados polas falsidades, fotos e fume” con un alcalde que ten deixado “absolutamente decepcionado” ao municipio. En palabras do portavoz socialista, Moldes encabeza un executivo “baseado na falta de rigor” que “nin de lonxe cumpre as expectativas” creadas para chegar á alcaldía. Gregorio Agís presentou a alternativa solvente e responsable dos socialistas fronte a esta xestión desastrosa para a veciñanza de Poio.
Mentiras sistemáticas aos veciños
“Os veciños quéixanse sistematicamente das mentiras e a ocultación do alcalde”, denunciou Agís durante a súa comparecencia. O representante socialista citou exemplos concretos como publicitar baixadas de impostos irrelevantes mentres planifica “unha suba brutal no recibo da auga”. Así mesmo, autorizan eventos culturais sen permisos nin cobertura legal.
Gregorio Agís acusou o goberno de “enganos evidentes”. Citou casos como a nave de Valoriza, os campamentos de verán, a situación da Policía Local ou o cemiterio municipal. “O goberno fundamenta a súa xestión en mentiras”, sinalou Agís con contundencia.
Proxectos de fume sen concretar
“Todos os proxectos que anuncia son fume”, sentenciou o representante socialista. Agís destacou promesas de campaña como o centro de saúde, o polideportivo, a piscina, o centro de alto rendemento, o servizo de transporte público ou a PO 303 de Samieira a Armenteira. “Todas permanecen no limbo” despois de dous anos de mandato.
O portavoz puxo como exemplo o proxecto da Barca. “Anunciado con moita pompa e na realidade concretado en apenas 400 metros que non resolven a problemática da estrada que vertebra Poio”. Ademais, lamentou que “non se avanzou nada co impulso do Polígono de Fragamoreira” nin co “peirao do Covelo“.
Propaganda con méritos alleos
Agís subliñou que “ningún dos proxectos relevantes executados durante o mandato de Moldes é froito da súa xestión”, senón resultado do mandato anterior. “A galería de fotos de inauguracións que se atribúen corresponde aos proxectos da zona portuaria de Raxó, Anafáns, mellora do núcleo de Xuviño ou o tramo Bardancas-Combarro da PO-308. Todos eles froito da xestión do goberno anterior”.
“A única partida que aumenta no orzamento é a de festexos”, denunciou o portavoz socialista. Moldes oculta “a súa incapacidade de xestión cunha absoluta falta de previsión que causa custes desmedidos para as arcas municipais”. É un mandato de falsidades, fotos e fume
Amiguismo e incompetencia
Julio Casás incidiu no sentimento xeneralizado de regresión democrática entre a veciñanza, que se sinte defraudada polas prácticas caciquís e os favoritismos do goberno. Este comportamento “acabou coa igualdade de oportunidades para os veciños de Poio”, segundo denunciaron.
Agís puxo sobre a mesa que “os maiores soldos da historia de Poio” conviven coa “contratación de amigos a dedo”. Ademais, “os concelleiros delegados non teñen capacidade de decisión nin de xestión”. “As áreas municipais non teñen contido nin iniciativas de interese para a veciñanza”, lamentou o representante socialista.
O portavoz destacou tamén o “abandono dos espazos públicos”, a “falta de conservación e limpeza” e os “problemas graves de seguridade”. Ao mesmo tempo, “abúsase dos contratos menores”.
Tambo: parálise total
“A Illa de Tambo segue sendo unha débeda pendente con Poio”, sinalou Agís. , que denunciou “enfrontamento, cero avances, falta de diálogo”. Non fixeron absolutamente nada” para resolver esta cuestión prioritaria. Esta situación contrasta coa cuestión do saneamento da ría que se resolveu no mandato anterior e que entrará en funcionamento este agosto.
Deterioro democrático e abandono económico
Durante a comparecencia, Silvia Díaz achegou datos sobre o deterioro da transparencia municipal. Sinalou a “expulsión do portavoz socialista do pleno municipal” como exemplo do “retroceso democrático”. Isto vese tamén na negativa a convocar as comisións de seguemento de Tambo e os Peiraos impedindo a participación de asociacións e cidadanía nos asuntos de interese público.
Pola súa banda, Arsenio Pedre denunciou que “a concelleira de Promoción Económica está desaparecida”. O comercio local “non atopa unha administración que lle acompañe”. Esta situación contrasta coa anterior etapa socialista que “desenvolvía programas de formación e iniciativas para dinamizar o tecido económico”.
O PSOE como alternativa solvente e responsable ás falsidades, fotos e fume.
O Partido Socialista ofrece “a alternativa solvente que os veciños de Poio merecen”. Os únicos obxectivos que o goberno de Moldes cumpriu en dous anos foi colocar aos seus achegados en postos de asesor e subirse os salarios.
“De cara ao horizonte de 2027, seguimos traballando intensamente no proxecto de municipio solvente e responsable”. A proposta socialista dará resposta aos problemas e prioridades do concello. O portavoz concluíu que “o grupo socialista vai facer o seu traballo, con atrancos ou sen eles. A xestión do goberno de Poio ten que ser a que os nosos veciños e veciñas merecen”.