
Poio, máis desprotexido ca nunca fronte aos incendios forestais
Poio está máis desprotexido fronte aos incendios forestais ca nunca. O risco de incendio no noso concello é alarmante e o goberno municipal segue sen tomar as medidas necesarias. Esta situación é consecuencia directa da falta de xestión e da inacción do alcalde Ángel Moldes.
Un risco moi elevado para o municipio
Os datos da Xunta de Galicia falan por si sós. Estes días, o índice de risco diario de incendios forestais sitúase en niveis moi altos. Calquera lume que se produza en Poio terá unha intensidade maior e será máis difícil de controlar. A veciñanza enfróntase a un perigo real, pero o goberno local segue sen actuar.
Falta de medios e incumprimentos evidentes
A situación actual responde a unha serie de carencias moi preocupantes. Os bombeiros de Sanxenxo non dispoñen de equipos de protección homologados para actuar en incendios forestais. A propia Xunta recoñece que, nestas condicións, non poden intervir en caso de lume.
Por outra banda, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ribadumia, encargado de atender Poio, carece de persoal suficiente para formar brigadas operativas. Ademais, os problemas coa empresa encargada da brigada de extinción contratada polo Concello seguen sen solución.
Promesas baleiras de Ángel Moldes
Durante a súa etapa na oposición, Ángel Moldes prometía a comarcalización do servizo de bombeiros de Pontevedra. Con todo, unha vez na alcaldía, esa proposta quedou esquecida. As palabras son doadas, pero o que Poio necesita é xestión e acción. E Moldes está demostrando que non sabe facelo.
O PSOE de Poio esixe solucións urxentes
Desde o Grupo Municipal Socialista de Poio consideramos intolerable que o municipio siga desprotexido fronte aos incendios forestais. É urxente que o goberno municipal actúe e tome medidas efectivas.
Mentres tanto, facemos un chamamento á veciñanza para que extreme as precaucións. A cidadanía merece coñecer a realidade e esixir solucións inmediatas. O noso compromiso segue intacto: continuaremos denunciando esta situación e reclamando un goberno que saiba protexer á súa xente e ao seu territorio.