A expulsión do portavoz socialista de Poio do Pleno Municipal non ten precedentes
Ataque sen precedentes á democracia e vulneración do dereito de participación e transparencia.
Recorremos ao Defensor del Pueblo pola expulsión do portavoz do pleno de outubro.
No pleno de outubro, a veciñanza de Poio foi testemuña dun episodio insólito. O alcalde, Ángel Moldes, expulsou sen motivo ao portavoz do grupo socialista, Gregorio Agís, cun claro obxectivo de frear a participación da oposición. Como se comproba na gravación do pleno, non hai xustificación para esta acción desproporcionada e autoritaria. Esta situación reflicte unha actitude que contrasta coa que mantivo o propio Moldes no seu pasado. Como portavoz da oposición, quen excedía todos os límites nunha oposición marcada pola confrontación.
A expulsión do portavoz socialista de Poio será recorrida ante o Defensor del Pueblo
Ante esta actuación sen precedentes, o grupo socialista levará a expulsión á oficina do Defensor del Pueblo en busca de amparo. Consideramos que este acto vulnera os dereitos democráticos, xa que non se pode expulsar en cinco segundos sen xustificación ningunha. Ademais, o alcalde non ofreceu ningunha rectificación sobre os feitos, o que agrava a súa responsabilidade nesta deriva autoritaria do goberno municipal.
Queremos agradecer as numerosas mostras de apoio dos veciños e recoñecer a solidariedade do grupo do BNG, que tamén se sumou ao rexeitamento desta inxustificada actuación do alcalde. Esta é unha nova proba da incapacidade do alcalde para exercer o seu cargo con respecto e solvencia, e do seu nerviosismo ante a nosa labor de control e fiscalización.
Deterioro da calidade democrática
O grupo socialista leva meses denunciando outras prácticas que deterioran a calidade democrática en Poio, como a negativa do goberno a facilitar acceso á documentación solicitada. Esta falta de transparencia engádese á expulsión sen precedentes na historia democrática de Poio.
Dende o grupo socialista comprometémonos a seguir traballando polos intereses da veciñanza e defendendo os valores democráticos de Poio, sen permitir que as tácticas de amedrentamento nos impidan exercer a nosa obriga de representación. Convidamos a toda a cidadanía a visualizar o vídeo do pleno e xulgar por si mesma esta inxustificable actuación do alcalde.