
O Poio que Funciona creará o Consello de Medio Ambiente e novos puntos de Atención á Cidadanía
Un Concello aberto, eficaz e ao servizo da cidadanía. Esta é unha das premisas do Poio que Funciona e unha das principais preocupacións da candidatura de Gregorio Agís para o próximo mandato.
“Temos que ser más áxiles coa tramitación de expedientes e optimizar o funcionamento dos recursos humanos de tal forma que a atención ao veciños e veciñas sexa moito máis eficaz”, insistiu o candidato socialista ao longo desta campaña.
Son varias as liñas de actuación sobre as que Gregorio Agís prevé actuar co obxectivo de facer unha xestión eficaz, ser unha administración amable e contar cunha atención facilitadora. Para iso impulsaranse os Puntos de Atención e a Rede de Espazos Municipais.
“Unha das accións que imos levar a cabo será potenciar o Consello de Participación Veciñal e a Asamblea Cidadá”, subliña o socialista. “Neles estarán representados os colectivos sociais, da muller, da mocidade e dos maiores e os dotaremos tanto de medios como de recursos axeitados ao importante labor que van desenvolver”, engade.
Tamén no seu programa figura a creación do Consello de Medio Ambiente co gallo de argallar de xeito participativo as moitas medias e proxectos en marcha en Poio neste eido.
-Nova Oficina de Atención á Cidadanía
“Entre as nosas prioridades tamén está a Creación da Oficina de Atención á Cidadanía”, sinala Gregorio Agís. “Queremos que Poio conte cun Servizo de Atención Cidadá que signifique un novo marco de relacións entre o concello e a cidadanía para facer a administración máis próxima, comprensible e accesible”, insiste.
“Entendemos que é un servizo básico que como concello debemos ofrecer. Consideramos que é urxente a mellora desta prestación así como emprender as accións e facilitar as ferramentas que permitan a toda a veciñanza tanto o acceso a todo tipo de información como axilizar ás comunicacións cos servizos da Administración Municipal”, subliña o candidato socialista.
O Poio que Funciona tamén ofrecerá á cidadanía un servizo de resolución de dúbidas e porá na súa man a obtención de información actualizada e precisa.
A Atención Cidadá prestarase tanto presencialmente como por medios telefónicos e telemáticos, con ferramentas dixitais para a notificación de incidencias. Deste xeito axilizaranse os tempos de resposta e mellorarase a eficiencia dos servizos municipais.
“Tamén seguiremos traballando en ter aínda máis transparencia na xestión municipal. Dimos moitos pasos adiante neste mandato e para continuar neste labor ampliaremos o portal de transparencia para que estea dispoñible toda a información das áreas municipais para a cidadanía”, afirma Gregorio Agís.
“Poio é un concello que medra en poboación ano a ano, no que se crean empresas e debe contar cun Concello acorde ás novas necesidades. Non se pode quedar atrás”, insiste o candidato socialista á alcaldía.
“A nosa veciñanza debe saber que estamos ao seu carón e ao seu servizo. Escoitalos, axudarlles, facilitarlles o día a día será a nosa prioridade. Por iso é necesario que este domingo ir a votar polo Poio que Funciona”, subliña Gregorio Agís. “Temos o mellor equipo, un equipo de persoas formadas, capacitadas para abordar todo os retos de futuro do noso municipio”, engade.