
O Poio que Funciona aprobará un novo PXOM e favorecerá a mobilidade con novas áreas de aparcamento
Unha das prioridades para o Poio que Funciona é xerar novos solos de desenvolvemento comercial, de equipamentos e planificando un urbanismo de calidade capaz de dotar a Poio dos espazos verdes, dos equipamentos e dos servizos que necesita. Para acadalo, a súa proposta é aprobar xa no primeiro ano de mandato un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Onte mesmo a Comisión de Urbanismo constatou o informe favorable para a admisión a trámite da proposta de modificación puntual do PXOM co fin de acometer melloras nun solar de Raxó. Gregorio Agís, actual concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica e candidato socialista á alcaldía promoveu esta iniciativa con fin de mellorar a calidade dos espazos e dotacións públicas da contorna, mellorar a accesibilidade e a conectividade, e sobre todo dotar de zonas de estacionamento reguladas ao municipio, un dos principais problemas da vila.
Pero a proposta da candidatura socialista quere ir máis alá. A aprobación dun novo PXOM buscará resolver de forma eficaz, dilixente e definitiva estas carencias co obxectivo de “corrixir os erros do plan actual, reforzando os núcleos existentes, ampliando o seu ámbito e axustando os viais á súa realidade física”
Gregorio Agís sostén un “urbanismo sostible para fomentar a ordenación dos espazos públicos”, consciente ademais de que a falta de zonas de aparcamento supón un problema para o municipio especialmente no verán, coa chegada de turistas e visitantes ás zonas de praia pero tamén ás zonas urbanas.
-Continuando un labor iniciado hai catro anos
Na mesma liña, e continuando un labor que foi primordial no último mandato, os socialistas avogan por continuar e mellorar a contorna tradicional e as zonas residenciais.
“A través dos máis de 6 millóns de euros que captamos para o Concello de Fondos Europeos e da propia Deputación, conseguimos facer diferentes proxectos moi relevantes como foi o caso da Seara, Casal ou Xuviño, que está agora en execución cunha inversión importante, Lameiriña, Caneliñas, Saíñas, Porto Santo, A Puntada ou As Viñas”, cita Gregorio Agís.
Pero foron moitos os puntos nos que se actuou con actuacións integrais que buscan repercutir directamente na calidade de vida da veciñanza e garantir espazos agradables e atractivos con valor engadido. “Buscamos a mellora de todos os servizos con proxectos que aborden todas as necesidades, con acabados de calidade que duren no tempo”, subliña o candidato.
A candidatura de Gregorio Agís concluirá actuacións xa iniciadas en puntos como Chancelas, Camiño da Bouza, Camiño da Fonte ou nos espazos públicos e do parque infantil, onde se empregarán Fondos Europeos, ao igual que na conexión de Chancelas con Combarro creando un carril bici e unha senda peonil no Camiño Real.