O PSDEG-PSOE DE POIO ALERTA DE QUE O CONCELLO ESTÁ A PIQUES DE PERDER OUTROS 72.500 EUROS DE FONDOS EUROPEOS

O IDAE revocará a axuda concedida no mandato anterior, para a mellora da envolvente térmica do ximnasio municipal, se o goberno local non dá respondido ao requirimiento de documentación.

Recibiuse o requirimento a finais de outubro de 2023, cando o Partido Popular levaba xa meses na alcaldía.

Esta perda engaderíase aos máis de 50.000 euros botados a perder dos fondos Ágora da Deputación de Pontevedra, como consecuencia da inacción do Goberno local.

Ximnasio municipal Poio reformado con fondos europeos do IDAE
Ximnasio Municipal de Poio, na Seca

Dende o PSdeG-PSOE de Poio demos a coñecer os detalles dun recurso a raíz do informe tramitado polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) para revocar máis de 72.000 euros dunha axuda concedida durante o mandato anterior ao Concello de Poio. Esta contía que forma parte dunha axuda de máis de 90.000 euros que o socialista Gregorio Agís conseguiu á fronte da área de Urbanismo e Promoción Económica. Esta axuda serviu para levar a cabo melloras da envolvente e da eficiencia enerxética no ximnasio da Seca. Poio pode perder este financiamento europeo, logo de que o Goberno municipal do Partido Popular non dese resposta a un requirimiento realizado polo IDAE. Fai cinco meses. instaron á Alcaldía a enviar documentación certificando a eficacia da actuación.

Como desvela o PSOE, foi a finais de outubro de 2023, xa con Ángel Moldes na Alcaldía, cando o IDAE fixo este requirimiento. Ante a falta de resposta do Goberno municipal, o Concello atópase en perigo de perder un total de 72.542,40 euros. Está é a cantidade que se lle reclama na revocación. Gregorio Agís, portavoz do principal grupo da oposición, sinala que esta non é a primeira vez que sucede algo así desde que o PP entrou no Goberno. “O señor Moldes e o seu equipo non levan nin un ano gobernando, tempo suficiente para que perdan dúas axudas por valor de máis de 100.000 euros”, advirte Agís. O Concello xa perdeu máis de 50.000 euros en subvencións correspondentes ao Plan Ágora da Deputación de Pontevedra por motivos semellantes.

“É moi preocupante a incapacidade de xestión e de traballo de Ángel Moldes e do seu equipo, unha inacción que están a pagar todos os veciños e veciñas de Poio”, apunta o concelleiro do principal grupo da oposición. “Xa é grave que o señor Moldes fose absolutamente incapaz de tramitar unha soa axuda de fondos europeos, cando no mandato anterior acadamos achegas millonarias para numerosas obras e proxectos, pero, con esta revocación, volve quedar patente o grande que lle queda o cargo”

Gregorio Agís, Portavoz do Grupo Municipal Socialista.

Rehabilitación da Antiga Escola de Arén

Neste senso, o PSdeG-PSOE tamén fai pública a súa preocupación pola situación do proxecto de rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Arén. “A obra leva un ritmo moi lento e foi a única que quedou sen licitar ao remate do mandato anterior”, sinala Agís. Está claro que, ao ser unha xestión impulsada polo PSOE, “ao señor Ángel Moldes non lle quedou máis remedio que aceptala, pero sen ningún tipo de interese, tal e como se reflicte agora nesta falta de avances”. O Goberno municipal do Partido Popular “está a ser unha lousa para que Poio avance”. Lamentan que “o único interese do señor Moldes, ademais de poñerse o soldo máis alto da historia do Concello, sexa contratar máis asesores, incrementar a débeda e pretender tapar a súa inoperancia a base de festas”.

Deja un comentario

Scroll al inicio