BALANCE NEGATIVO DO PRIMEIRO ANO DE “CIRCO, FESTA E PROPAGANDA” DO PARTIDO POPULAR DE POIO

  • Queda patente o “gran engano” da xestión de Ángel Moldes desde a súa chegada á Alcaldía.
  • O Goberno de Moldes neste ano consistiu en “soldos máis altos, máis asesores, máis débeda, nula xestión e moito fume”.
O grupo socialista fai balance do ano de goberno do PP de Poio

O grupo socialista fixo balance negativo do primeiro ano de mandato do PP na alcaldía de Poio. “Un gran engano” no que Ángel Modes só foi quen de ofrecer á veciñanza “circo, festa e propaganda”. Todo isto á vez que se puxo o soldo máis alto da historia do Concello, aumentou o número de asesores, incrementou a débeda e reduciu de xeito drástico a capacidade de xestión. Isto provoca que Poio vaia a peor, o Goberno do PP supón un “fraude para a veciñanza”.

O portavoz socialista, Gregorio Agís, explicou o balance do ano de alcaldía do PP en Poio. Realizou unha análise realista e detallada dos problemas e carencias que está a provocar o Goberno local de Ángel Moldes. “Entendemos que son un Goberno sen experiencia previa, pero doce meses é unha marxe suficiente para traballar. O señor Moldes é incapaz de cumprir coas súas promesas e que carece por completo dunha folla de ruta para Poio”. Este goberno é un “fraude” para os veciños e veciñas.

“Ademais de non facer realidade ningunha das actuacións que prometeron, mentiron á cidadanía facendo xusto o contrario do que pregoaban na oposición”, advertiu Agís. Un dos moitos exemplos é a falsa auditoría anunciada por Ángel Moldes como argumento da suposta situación económica que tiveron que recoñecer que non existía, so para ocultar a súa incapacidade. Ademais, a súa primeira medida foi poñerse un soldo de 41.000 euros, o máis alto da historia do Concello. Ademais de incrementar o número de asesores. Todo isto á vez que incrementou a débeda do Concello en 1,5 millóns de euros, debido a dous créditos solicitados de 800.000 e 700.000 euros. Algo que “cando estaba no oposición o señor Moldes aseguraba que nunca faría. Unha mentira máis no seu haber”.

A incapacidade de xestión do goberno de Ángel Moldes

Por desgraza, Poio é un concello que con Ángel Moldes na Alcaldía vai claramente a peor”. As concellerías carecen dun peso específico, o que fai imposible que un Concello como Poio poida ser xestionado de maneira axeitada. Isto tradúcese na perda de subvencións e na incapacidade de obter fondos europeos por parte do equipo que lidera o señor Moldes.
Nótase unha falta de xestión evidente, e unha incapacidade que se manifesta nas Comisións informativas, con expedientes inexistentes, que sosteñan os puntos que se levan a probación, incompletos, sen coñecer minimamente os temas a tratar e unha falta de rigor alarmante.
O PP limítase a vivir da herdanza socialista, con proxectos que acadamos no mandato anterior como a mellora da EDAR, que según Ángel Moldes era fume, ou a Illa de Tambo, da cal non hai ningún avance. Seguimos sen ENIL, seguimos sen Plan de Usos e co mesmo sistema de visitas provisional deseñado polos socialistas”, denunciou Gregorio Agís.

Deterioro da calidade de vida en Poio

O Sr. Moldes caracterizouse por unha oposición destrutiva e demagóxica onde todo lle molestaba e agora queda en evidencia a gran mentira. Fai exactamente o contrario do que predicaba sen un mínimo nivel de autoesixencia caracterizado por tapar un mentira con outra.

En definitiva, o balance do ano de alcaldía do PP en Poio é“un ano perdido, con soldos máis altos, máis asesores, máis débeda, menos xestión e moito fume”, conclúen os socialistas, que tamén alertan sobre o deterioro do benestar da veciñanza.

“Os servizos públicos van cada vez a peor, con espazos totalmente abandonados, nos que se acumulan restos e lixo sen ningún tipo de control. O que máis comentan os veciños e veciñas de Poio, incluídos votantes do PP, é que a xestión de Ángel Moldes está a resultar decepcionante”, conclúe Gregorio Agís

Vídeo da rolda de prensa en Canal Rías Baixas

Scroll al inicio